1.0.12
1.0.12
IAE informe de avaliación do edificio
Xunta de Galicia
IAE
IAE informe de evaluación
del edificio
Que é o informe de Avaliación dos Edificios (IAE)?

O informe de avaliación dos edificios (IAE) é un instrumento que acredita a situación na que se atopa un edificio en relación co seu estado de conservación, coas súas condicións de accesibilidade e ademais informa sobre a súa eficiencia enerxética.

O seu contido é o seguinte:

a) Datos de identificación do edificio, da súa propiedade e da persoa que subscribe o IAE.

b) Descrición do estado de conservación do edificio e valoración final do seu estado segundo as deficiencias atopadas na inspección.

c) Condicións básicas de accesibilidade do edificio e as súas dotacións en función das súas características. Definiranse as posibles medidas de adecuación para implantar no edificio, con criterios de flexibilidade, e o seu custo.

d) Certificación da eficiencia enerxética do edificio. Indicarase a cualificación global do edificio e a cualificación parcial do consumo de enerxía primaria do edificio.

Este informe terá unha vixencia de 10 anos desde a súa elaboración, polo que debera renovarse pasado ese tempo.

Que normativa autonómica regula o IAE?

A normativa autonómica que regula o informe de avaliación dos edificios é o Decreto 61/2021, do 8 de abril, polo que se regula o informe de avaliación dos edificios e se crea o Rexistro Galego de Informes de Avaliación dos Edificios.

O decreto estrutúrase en tres capítulos, unha disposición adicional, tres disposicións transitorias e dúas disposicións derradeiras:

  • O Capítulo I (Disposicións xerais), establece o obxecto, o ámbito de aplicación, os órganos competentes, as obrigas das persoas propietarias dos edificios e a determinación da antigüidade destes.

  • O Capítulo II, regula o contido, os requisitos de elaboración, o resultado, a eficacia e a vixencia do informe de avaliación dos edificios.

  • O Capítulo III, crea e regula o Rexistro Galego de Informes de Avaliación dos Edificios.

Este decreto redáctase en cumprimento da Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, no seu capitulo II do Título Preliminar.

Quen son os que teñen a obriga de presentar o IAE?

Teñen a obriga de encargar a elaboración do IAE e presentalo no concello correspondente para a súa incursión no Rexistro Galego de Informes de Avaliación dos Edificios, as persoas propietarias únicas, as agrupacións de persoas propietarias e as comunidades de persoas propietarias de edificios de uso residencial de vivenda colectiva cunha antigüidade de máis de 50 anos.

Enténdese por edificio de tipoloxía residencial de vivenda colectiva, o composto por máis dunha vivenda, sen prexuízo de que poida conter de maneira simultánea outros usos distintos do residencial.

As persoas propietarias de edificios de uso residencial de vivenda colectiva que teñan declaración firme de ruína, non están obrigadas á presentación do IAE, excepto que a normativa municipal estableza a dita necesidade.

Cal é o prazo para presentar o IAE?

As persoas obrigadas deberán presentar este informe no concello correspondente no prazo máximo dun ano cando o seu edificio alcance a antigüidade determinada.

No caso de que o edificio xa teña esta antigüidade na entrada en vigor deste decreto, as persoas obrigadas terán o prazo dun ano para presentalo no concello.

Como se elabora o IAE?

As persoas obrigadas deberán contactar con persoal técnico competente para contratar a realización do IAE, que elaborará o informe nesta aplicación informática creada para tal efecto segundo o modelo que figura no anexo do Decreto 61/2021, do 8 de abril.

Este informe elaborarase con base nunha inspección visual, sen que sexa o seu obxecto a detección de vicios ou danos ocultos. Referirase á totalidade dun edificio ou complexo inmobiliario e estenderá a súa eficacia a todos e cada un dos locais e vivendas existentes.

Se o edificio xa conta cunha inspección técnica de edificios en vigor (ITE), os datos desta poderán incorporarse ao IAE sen que sexa necesario realizar unha nova inspección, sempre que o contido mínimo da ITE se axuste ao disposto no antedito decreto. Neste caso, deberase de completar a información da ITE cos apartados de condicións de accesibilidade e de eficiencia enerxética.

Que persoal técnico é competente para a realización do IAE?

Considéranse persoas técnicas competentes as que estean en posesión de calquera das titulacións académicas e profesionais que as habilitan para a redacción de proxectos ou a dirección de obras e para a dirección de execución de obras de edificación, segundo o establecido na Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación, ou teña acreditada a cualificación necesaria para a realización do informe, segundo as disposicións aplicables en materia de capacitación profesional.

Onde se entrega o IAE?

As persoas que teñan obriga de dispoñer do IAE deberán presentalo no rexistro xeral do concello onde se encontre o edificio acompañado da documentación descrita no artigo 21 do Decreto 61/2021, do 8 de abril e dunha solicitude de inscrición no Rexistro Galego de Informes de Avaliación dos Edificios.

Se o concello detectase erros na documentación achegada, poderá requirir as emendas oportunas antes da súa inscrición, de acordo coa Lei 39/2015, do 1 de outubro.

De acordo co artigo 7.4 da Lei 1/2019, do 22 de abril, o incumprimento do deber de presentar o IAE en tempo e forma terá a consideración de infracción urbanística, co carácter e as consecuencias que atribúe a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Cales son os efectos do IAE?

O resultado do IAE pode ser favorable ou desfavorable en función das deficiencias do estado de conservación atopadas no edificio no momento da inspección. O resultado desfavorable do IAE obriga as persoas propietarias a emendaren, no prazo establecido, as deficiencias determinadas neste.

O concello, á vista dun resultado desfavorable do IAE e en función da gravidade das deficiencias, poderá ditar as ordes de execución e emendas pertinentes ou adoptar as medidas de intervención administrativa que resulten adecuadas, de conformidade coa normativa aplicable en materia de disciplina urbanística e de rehabilitación e rexeneración e renovación urbanas.

Unha vez emendadas as deficiencias resultado dun IAE desfavorable, as persoas obrigadas deberán presentar un certificado, asinado por técnico/a competente, en que se describan as obras que se realizaron para a emenda das deficiencias determinadas no IAE, co fin de que o concello faga constar esta circunstancia no REGIAE e se modifique a valoración do estado de conservación do edificio.

Particularidades de cada Concello

Os concellos, dentro do ámbito da súas competencias, poden establecer, mediante normativa municipal, especialidades de aplicación do informe de avaliación dos edificios, podendo ampliar a obriga do IAE a outro tipo de edificios, a edificios que teñan declaración firme de ruína ou a edificios cunha antigüidade inferior a 50 anos, así como un contido maior, polo que deberá consultar as particularidades da normativa municipal que lle corresponda en función da situación do edificio.

Os concellos que así o consideren, tamén poderán establecer un calendario para a presentación gradual dos IAE dos edificios que, na entrada en vigor deste decreto, xa conten cunha antigüidade de máis de 50 anos e sempre que non supere os prazos seguintes:

– Ata 1 ano desde a entrada en vigor deste decreto para os edificios catalogados,

– Ata 3 anos desde a entrada en vigor deste decreto para o resto dos edificios con máis de 50 anos.

Acceder a informe de avaliación do edificio
REQUISITOS TÉCNICOS
REQUISITOS TÉCNICOS para utilizar o programa IAE:
O programa IAE está optimizado para ser utilizado cos seguintes navegadores:
- Internet Explorer versións 8, 9, 10 e 11
- Mozilla Firefox versión 27
- Google Chrome versión 32
*Para outras versións, non está asegurada a súa compatibilidade
Goberno de España
Servizo prestado pola Presidencia da Xunta de Galicia
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración co Ministerio competente en materia de vivenda
Información de contacto
012@xunta.es
Teléfono 012